Monday 16 de September de 2024

Rompe durante a noite a pasarela peonil do Belelle á altura dos Subarreiros


A estrutura permanecía acordoada por motivos de seguridade dende o luns pola mañá

O Concello de Neda informa da rotura durante a pasada noite da pasarela peonil sobre o río Belelle, situada na zona de Subarreiros. A estrutura de madeira permanecía pechada dende onte á mañá, despois de que se detectara o agravamento das eivas que sufría a construción.

Tras recibir varios avisos, a administración local procedía a cortar de inmediato o acceso á ponte peonil para previr danos persoais. A construción, de 40 metros de largo por 2,5 metros de ancho, foi inaugurada a finais do 2014, e os problemas cos materiais elixidos (madeira laminada e encolada de piñeiral) fixéronse evidentes en poucos anos.

A rotura da pasarela obriga agora aos camiñantes e visitantes que queiran chegar dende o paseo marítimo ata o casco urbano a desviarse cara á igrexa de Santa María.
O Concello, segundo anuncia o alcalde, Ángel Alvariño, iniciará en breve redacción dun novo proxecto, que despois haberá que licitar, para volver conectar as dúas beiras do Belelle nas inmediacións da piscina. Adianta, non obstante, que se cambiará a estrutura, apostando por materiais máis duradeiros e seguros.